Que é un programa de mediación escolar
Un programa de mediación organiza a forma en que o centro atende os conflitos entre o seu alumnado: establece un procedemento estable, forma as persoas que o van conducir e fixa os principios que o rexen. A participación é voluntaria, o que se fala na sesión é confidencial e quen media non toma partido nin impón unha solución.
En Educación Primaria, unha das fórmulas máis estendidas é a mediación entre iguais, na que alumnado formado atende os conflitos dos seus compañeiros e compañeiras coa supervisión do profesorado.
Que di a normativa
A Lei Orgánica 3/2020 sitúa a resolución pacífica de conflitos entre os fins da educación (artigo 1.k), esixe o seu tratamento transversal no proxecto educativo (artigo 121) e obriga a que o plan de convivencia de todos os centros preste atención específica á mediación (artigo 124). Tamén lle encomenda á inspección educativa impulsar os procesos de mediación e participar neles cando sexa necesario (artigo 151.h).
A Lei Orgánica 8/2021 reforza ese marco: obriga os centros a establecer protocolos fronte á violencia e a fomentar métodos pacíficos de comunicación e negociación, e crea a figura do coordinador de benestar e protección.
En Galicia a esixencia é máis concreta. A Lei 4/2011, de convivencia e participación da comunidade educativa, desenvolvida polo Decreto 8/2015, baixa ao detalle do que ten que conter o plan de convivencia.
O artigo 11.2 esixe que ese plan estableza as actuacións «incluíndo a mediación na xestión dos conflitos», e o artigo 26.3 engade que «incluirá as directrices para a creación dos equipos de mediación». As dúas cousas son obrigatorias. Usar a mediación, en cambio, é potestativo: o artigo 26.2 di que os centros «poderán utilizar a mediación» como estratexia preventiva, resolutiva e reparadora.
Ademais, o artigo 26.4 establece que, nos supostos menos graves de situación de acoso, «favorecerase a mediación realizada por alumnado do centro educativo que obtivese formación e cualificación para a intervención nestas situacións». A norma dá por suposto que no centro hai alumnado formado para iso. E o artigo 6.4.e encoméndalle á comisión de convivencia propoñerlle á dirección quen pode formar parte do equipo de mediación.
O plan adoita estar redactado. O que con frecuencia falta é o equipo de mediación que o plan anuncia.
O que a mediación non resolve
Non substitúe o protocolo de acoso escolar. No acoso hai desigualdade de poder e un dano sostido no tempo, e sentar as dúas persoas nunha mediación pode agravar a situación de quen o sofre. Cando o diagnóstico apunta a acoso, o procedemento que corresponde é o protocolo.
Tampouco é unha intervención terapéutica nin de orientación psicolóxica.
E non se pode aplicar cando algunha das persoas non quere participar, porque a voluntariedade é condición do procedemento.
Experiencia e investigación
A experiencia con nenas, nenos e adolescentes suma tres anos de intervención directa en tres contextos: reforzo educativo nunha contorna de alta diversidade cultural e socioeconómica en Vigo, un centro residencial de acollemento e a aula dun centro de Primaria.
No reforzo educativo, o traballo diario incluía xestionar conflitos de convivencia, mediar entre iguais e coordinarse coas familias. Na aula, o traballo sobre conflitos e desregulación emocional facíase xunto ao equipo de orientación.
Os instrumentos do diagnóstico e a forma de avaliar os resultados veñen da investigación: unha revisión sistemática sobre a eficacia dos programas de mediación escolar en Educación Primaria en España, e a tese de doutoramento en curso.
Notas sobre convivencia escolar
- Que di a investigación sobre a mediación escolar en Primaria
Unha revisión sistemática dos estudos publicados en España entre 2020 e 2026, presentada no XI Congreso Iberoamericano de Justicia Terapéutica.
- Por que os programas de convivencia se apagan no segundo curso
Os programas de mediación escolar rara vez se interrompen por un fracaso. O habitual é que caian por un traslado ou por falta de horas asignadas.
- Onde se concentran os conflitos en Primaria
Os dous estudos publicados en España coinciden en sinalar o patio, e iso ten consecuencias prácticas para calquera programa de convivencia.
- Alumnado axudante e alumnado mediador non son a mesma figura
Úsanse como sinónimos e non o son. Confundilas fai que un centro anuncie un servizo de mediación que en realidade non ten, ou ao revés.
- Por que o acoso escolar non se media
A mediación esixe que as dúas persoas negocien en igualdade, e no acoso esa condición non se cumpre. O que corresponde entón é o protocolo.
Se no seu centro o están a pensar
Esta páxina é informativa. O deseño e a implantación dun programa completo ao longo dun curso son o obxecto dunha tese de doutoramento en curso, non un servizo que se ofreza.
O que si se lle pode pedir hoxe a un mediador externo é formación do profesorado, acompañamento mentres o centro pon en marcha o seu propio equipo, ou a intervención nun conflito concreto. Se é o seu caso, pode escribir para formulalo.
Como se desenvolve unha mediación, sexa cal sexa o ámbito, explícase en como funciona.