En que casos
- Rupturas de parella
Organización do tempo cos fillos e fillas, uso da vivenda, reparto de gastos e de bens. Tamén a revisión de acordos que se tomaron hai anos e que xa non encaixan coa situación actual.
- Coidado de persoas maiores
Cando o peso do coidado dun pai ou dunha nai recae sobre un irmán e o reparto se converteu nun conflito: quen fai que, quen paga que, onde vai vivir.
- Herdanzas
Desacordos entre herdeiros sobre o reparto ou sobre que facer cun ben que ninguén quere vender. Trabállase sobre o que a familia pode decidir por si mesma.
Que se pode acordar
Pódese acordar todo aquilo que vostedes poidan decidir por si mesmos.
- O tempo cos fillos e fillas
O reparto durante o curso e nas vacacións, quen os recolle e os leva, como se avisan os cambios e que pasa cando un dos dous non pode.
- A vivenda e os gastos
Quen queda na casa e ata cando, como se reparten os gastos ordinarios e os extraordinarios, e que se fai co que había en común.
- A forma de comunicarse
Por que canle se fala dos fillos e fillas, con canta antelación se avisan as cousas e que asuntos se consultan antes de decidir. É o que máis se usa no día a día, así que convén deixalo concretado.
- A revisión do xa acordado
Os acordos que se asinaron hai anos e que xa non encaixan coa idade dos fillos e fillas, un cambio de traballo ou unha mudanza.
Como se desenvolve
O procedemento comeza cunha sesión inicial na que se explican as condicións e cada persoa decide se quere continuar. A partir de aí, as sesións de traballo, e ao final un acordo por escrito co que cada quen se compromete a facer.
Cando o acordo afecta a fillos e fillas menores de idade necesita a aprobación do xulgado. O que saia da mediación é a base do convenio que se presenta alí, e convén que cada persoa o revise co seu avogado antes de asinalo.
As sesións son por videochamada e duran arredor de hora e media. Cando a tensión o aconsella, fálase con cada persoa por separado antes de reunilas.
O papel do avogado
A mediación non substitúe o avogado nin compite con el. O mediador non asesora ningunha das dúas persoas nin lles indica o que lles convén: conduce a conversa para que cheguen a un acordo, que despois revisa o avogado de cada quen.
O que se decide en mediación chega ao despacho xa acordado, de modo que o avogado revisa un acordo en lugar de negocialo.
Cando non se pode mediar
Non hai mediación cando existe violencia de xénero. Prohíbeo o artigo 87 ter da Lei Orgánica do Poder Xudicial para todos os asuntos competencia dos xulgados de violencia sobre a muller, e a razón é que a mediación esixe que as dúas persoas negocien en igualdade, algo que nunha relación de maltrato non se dá.
Tampouco se pode mediar se unha das persoas non quere participar, nin sobre aquilo que non poden decidir libremente por si mesmas.
Se ao valorar o caso resulta que non é mediable, comunícase na primeira conversa e o procedemento non continúa.
Preguntas frecuentes
E se a outra persoa non quere vir?
O procedemento non continúa. Convídase a outra persoa e, se declina, aí remata. Non hai forma de obrigala: a lei configura a mediación como voluntaria en todas as súas fases, tamén ao comezar.
Serve se xa hai avogados e unha demanda presentada?
Si. Pódese mediar cun procedemento xudicial aberto, e mesmo o xulgado pode convidar a intentalo. Se se alcanza un acordo nese momento, pódese pedir a súa homologación ao xulgado que leva o asunto.
Participan os fillos e fillas nas sesións?
Non. As sesións son entre as persoas adultas. O que se decide afecta aos fillos e fillas, e por iso fálase dos seus horarios, das súas rutinas e do que necesitan, pero non se lles pide que escollan nin que opinen sobre o conflito.
Que pasa co que se fale nas sesións?
Queda cuberto pola confidencialidade e non se pode achegar despois nun xuízo. As únicas excepcións son que ambas as persoas a dispensen por escrito, ou que o pida un xuíz penal mediante resolución motivada.
Antes de contratar
A Xunta de Galicia ten un servizo público de mediación familiar con tarifas reguladas, gratuíto para quen reúna os requisitos da asistencia xurídica gratuíta. Se o seu caso encaixa aí, convén valorar esa vía antes.