Ir ao contido
Mediación
ES

Preguntas frecuentes

O que se pregunta antes de escribir

Preguntas habituais sobre a mediación, agrupadas por materia. O que non estea aquí pódese consultar por correo.

O procedemento

Que é exactamente a mediación?

Un procedemento voluntario e confidencial no que dúas persoas intentan chegar a un acordo coa axuda dunha terceira persoa imparcial. Esa terceira persoa conduce a conversa, pero non xulga o asunto nin impón unha solución: o acordo decídeno as persoas implicadas.

Está regulada na Lei 5/2012, de mediación en asuntos civís e mercantís, que fixa os principios do procedemento e os requisitos para exercer.

En que se diferencia dun xuízo, dunha arbitraxe ou dunha conciliación?

En quen decide. Nun xuízo decide o xuíz e nunha arbitraxe decide o árbitro, e nos dous casos a decisión impónselles a quen está en conflito. Na mediación non decide ninguén de fóra: se non hai acordo entre as persoas implicadas, non hai resultado.

A conciliación parécese máis, pero o conciliador si pode propoñer unha solución concreta. O mediador traballa para que a proposta saia de quen participa.

É obrigatorio chegar a un acordo?

Non. Ninguén está obrigado a permanecer no procedemento nin a concluílo con acordo. Calquera das persoas pode retirarse en calquera momento e non ten que xustificalo.

Un procedemento que remata sen acordo documéntase igual na acta final, e esa constancia serve para acreditar o intento.

Que pasa se a outra persoa non quere participar?

O procedemento non continúa. A voluntariedade alcanza tamén ao inicio: convídase a outra persoa e, se declina, aí remata.

En asuntos civís e mercantís, desde abril de 2025 o intento dun medio axeitado de solución de controversias é requisito previo para presentar unha demanda, e da negativa queda constancia.

Canto dura unha mediación?

Depende do asunto e de cantas cuestións haxa que ordenar. A lei pide que o procedemento sexa o máis breve posible e que as actuacións se concentren no menor número de sesións.

Non se compromete un número de sesións de antemán: estímase na sesión inicial, cando xa se coñece o asunto.

Fai falta avogado?

Para mediar, non. Cada persoa pode acudir co seu avogado se o prefire e consultalo en calquera momento do procedemento.

Si é recomendable que un avogado revise o acordo antes de asinalo, sobre todo cando hai fillos ou fillas menores de idade, bens ou cantidades polo medio. O mediador non asesora ningunha das dúas persoas nin lles indica o que lles convén.

Como se desenvolve unha mediaciónA mediación na lei

Confidencialidade e valor do acordo

O que se diga nas sesións pódese usar despois nun xuízo?

Non. A confidencialidade alcanza a información que se manexa no procedemento, e nin quen participa nin o mediador poden achegala nun proceso xudicial ou arbitral posterior.

A lei prevé dúas excepcións: que as persoas implicadas dispensen expresamente e por escrito ese deber, ou que un xuíz da orde penal o pida mediante resolución motivada.

O acordo ten valor legal?

Si. O acordo obriga a quen o asina, como calquera contrato.

Se ademais se quere que se poida executar como unha sentenza, hai dous camiños: elevalo a escritura pública ante notario, ou pedir a súa homologación ao xulgado cando a mediación se desenvolveu dentro dun procedemento xudicial xa aberto.

Cando o acordo afecta a fillos e fillas menores de idade necesita ademais a aprobación xudicial.

Pérdese algo por intentalo?

Non se perde prazo. A solicitude de mediación interrompe a prescrición e suspende a caducidade das accións, de modo que intentalo non consome tempo procesual.

Nos asuntos civís hai un prazo que si convén ter presente: se a negociación remata sen acordo, a demanda ten que presentarse dentro do ano seguinte para que o requisito se entenda cumprido.

Pódese mediar cun procedemento xudicial xa aberto?

Si. Pódese acudir á mediación durante un procedemento en marcha, e mesmo o xuíz pode propoñer que se intente.

Se se alcanza un acordo nese momento, pódese pedir a súa homologación ao xulgado que coñece do asunto.

Que asuntos non se poden mediar?

Quedan fóra da Lei 5/2012 a mediación penal, a laboral, a de consumo e a que se formula coas administracións públicas.

Tampouco se pode mediar cando existe violencia de xénero: prohíbeo o artigo 87 ter da Lei Orgánica do Poder Xudicial, porque a mediación esixe que as dúas persoas negocien en igualdade e nunha relación de maltrato esa condición non se dá.

E non se media sobre aquilo que as persoas implicadas non poden decidir libremente por si mesmas.

A mediación na lei

Mediación en liña

A mediación por videochamada vale igual ca a presencial?

Si. A propia Lei 5/2012 contempla o desenvolvemento do procedemento por medios electrónicos, e para as reclamacións de cantidade de menos de seiscentos euros sinálao mesmo como vía preferente.

A acta e o acordo teñen o mesmo valor que se se asinasen nunha sala.

Por que en liña e non nun despacho?

Porque permite atender desde calquera punto de España, encaixa mellor cos horarios das familias e evita que as dúas persoas coincidan nunha sala de espera.

A excepción é o traballo con centros educativos: a formación do profesorado e a intervención nun conflito concreto fanse dentro do centro e esixen presenza física.

Grávanse as sesións?

Non se gravan. Cando convén falar con cada persoa por separado, faise en salas independentes, e o que se trate alí non se traslada á outra sen autorización.

Os documentos asínanse por medios electrónicos e cada persoa recibe copia.

Como se desenvolven as sesións

Custo

Canto custa e quen o paga?

Agás que se acorde outra cousa, o custo repártese a partes iguais, tal e como prevé a Lei 5/2012.

Cóbrase igual se non hai acordo?

Si. Abónase o traballo feito, non o resultado. Se unha das persoas se retira a metade do procedemento, abónanse as sesións xa celebradas e nada máis.

Hai algunha alternativa pública?

En mediación familiar, si. A Xunta de Galicia ten un servizo público con tarifas reguladas, gratuíto para quen reúna os requisitos da asistencia xurídica gratuíta.

Antes de contratar unha mediación privada convén comprobar se o caso encaixa aí.

Centros educativos

É obrigatorio que un centro teña mediación?

A LOMLOE obriga todos os centros a dispoñer dun plan de convivencia e a prestar atención específica á mediación e á prevención do acoso.

En Galicia, ademais, o Decreto 8/2015 esixe que o plan de convivencia inclúa a mediación na xestión dos conflitos e as directrices para crear os equipos de mediación. Utilizala segue sendo potestativo; recollela no plan, non.

Canto tempo leva poñer en marcha un programa?

Un curso escolar completo. Un programa de mediación non é unha charla nin un obradoiro: inclúe diagnóstico, deseño, formación do profesorado, formación do alumnado mediador e acompañamento durante o curso.

Deseñalo, implantalo e avalialo ao longo dun curso é o obxecto dunha tese de doutoramento en curso, non un servizo. O que si se pode pedir é formación do profesorado, acompañamento mentres o centro pon en marcha o seu propio equipo ou a intervención nun conflito concreto.

Serve a mediación para os casos de acoso?

Non. O acoso defínese por un desequilibrio de poder sostido no tempo e con intención de danar, e a mediación esixe xusto o contrario: dúas persoas en condicións de negociar en igualdade.

Cando aparecen desequilibrio, repetición e intencionalidade, o que corresponde é o protocolo de acoso, que a Lei Orgánica 8/2021 obriga a ter establecido. A mediación actúa antes, sobre os conflitos ordinarios que, desatendidos, poden derivar en algo peor.

Quen media, o alumnado ou o profesorado?

Depende do modelo que escolla o centro. Na mediación entre iguais media o alumnado formado, con supervisión; noutros modelos median profesorado e alumnado en equipos mixtos.

O Decreto 8/2015 dá por suposto en Galicia que hai alumnado formado e cualificado para intervir, aínda que non concreta quen o forma nin con cantas horas.

Que ten que achegar o centro?

Un espazo e un horario para o servizo, profesorado de referencia con tempo asignado, respaldo do equipo directivo e a inclusión do programa no plan de convivencia.

Sen esas catro condicións o programa depende das persoas que o impulsan e interrómpese cando cambian.

Mediación escolarQue obriga a lei

Unha dúbida que non está aquí

Se a pregunta é se un caso concreto é mediable, a resposta require coñecelo. Abonda con indicar o motivo en dúas liñas.

Contactar