Ir ao contido
Mediación
ES

Referencia

A mediación na lei

As normas que regulan a mediación en España e en Galicia, explicadas con palabras propias e coa referencia ao artigo concreto, para poder ir comprobalo.

Serve tanto a quen ten un conflito e quere saber a que aterse como a quen dirixe un centro educativo e necesita saber que lle esixe a norma.

A lei de mediación

A Lei 5/2012, do 6 de xullo, de mediación en asuntos civís e mercantís, é a norma de cabeceira. Define o procedemento, fixa os seus principios e establece que fai falta para exercer como mediador.

  • Voluntariedade e libre disposición

    Artigo 6. Ninguén está obrigado a manterse no procedemento nin a concluílo con acordo. Cando existe un pacto previo de someterse a mediación, ese pacto respéctase, pero tampouco obriga a alcanzar un acordo.

  • Igualdade e imparcialidade

    Artigo 7. Quen participa intervén en plena igualdade de oportunidades, e o mediador non pode actuar en prexuízo ou interese de ninguén.

  • Neutralidade

    Artigo 8. O procedemento condúcese de modo que as persoas implicadas alcancen por si mesmas un acordo. O mediador non decide o contido.

  • Confidencialidade

    Artigo 9. Nin o mediador nin quen participa poden achegar nun proceso posterior a información xurdida na mediación. Só decae con dispensa expresa e por escrito das persoas implicadas, ou por resolución motivada dun xuíz da orde penal.

O procedemento ábrese cunha sesión inicial, na que se explican as condicións e cada persoa decide se continúa, e constitúese formalmente na sesión constitutiva, da que se levanta acta. A conclusión documéntase na acta final, con acordo ou sen el.

O acordo obriga a quen o asina. Para que ademais se poida executar como unha sentenza hai dúas vías: elevalo a escritura pública ante notario, ou pedir a súa homologación xudicial cando a mediación se desenvolveu dentro dun procedemento xa aberto.

Como se desenvolve unha mediación

Quen pode exercer

O artigo 11 da Lei 5/2012 esíxelle tres cousas a quen queira actuar como mediador: estar no pleno exercicio dos seus dereitos civís, contar cun título oficial universitario ou de formación profesional superior, e ter cursado unha formación específica en mediación.

Esa formación específica é a que habilita para exercer, e o Real decreto 980/2013 concrétaa: contidos xurídicos, psicolóxicos, de técnicas de comunicación, de negociación e de ética do mediador, cun mínimo do 35 % da duración dedicado á parte práctica (artigo 4), cen horas de docencia efectiva como mínimo (artigo 5) e unha formación continua de polo menos vinte horas cada cinco anos (artigo 6).

A lei obriga ademais a subscribir un seguro de responsabilidade civil que cubra a actividade. O mesmo real decreto regula o Rexistro de Mediadores e Institucións de Mediación do Ministerio de Xustiza.

O requisito previo á demanda

Desde o 3 de abril de 2025, presentar unha demanda civil ou mercantil esixe acreditar que antes se intentou un medio axeitado de solución de controversias. Sen esa acreditación, o xulgado non admite a demanda.

Establéceo a Lei Orgánica 1/2025, de medidas en materia de eficiencia do servizo público de xustiza. O nome técnico do trámite é requisito de procedibilidade.

A mediación é un deses medios, pero non o único. A lei admite tamén:

  • Conciliación privada

    Ante unha persoa con coñecementos técnicos ou xurídicos que si pode propoñer unha solución.

  • Oferta vinculante confidencial

    Unha proposta que obriga a quen a formula se a outra persoa a acepta.

  • Opinión dunha persoa experta independente

    Un ditame sobre a cuestión técnica que separa a quen está en conflito.

  • Dereito colaborativo

    Negociación entre avogados que se comprometen a apartarse se o asunto remata en preito.

  • Negociación directa

    Entre as propias persoas ou entre os seus avogados.

Non todos os asuntos están suxeitos ao requisito. Quedan fóra, entre outros, os procesos sobre dereitos fundamentais, os de filiación, os relativos á protección de menores, os de capacidade, as medidas cautelares e os procesos de execución.

Que cambiou en abril de 2025Mediación civil

Mediación escolar: marco estatal

No ámbito educativo a mediación non se regula na Lei 5/2012, senón na normativa educativa. A Lei Orgánica 3/2020, LOMLOE, menciónaa en catro lugares, todos eles artigos da Lei Orgánica de Educación na súa redacción actual.

  • Artigo 1.k

    Incorpora entre os fins da educación a prevención de conflitos e a súa resolución pacífica, e a non violencia en todos os ámbitos.

  • Artigo 121

    Esixe que o proxecto educativo inclúa un tratamento transversal da educación en valores, a prevención da violencia e a cultura de paz.

  • Artigo 124

    Obriga todos os centros a dispoñer dun plan de convivencia e a prestar atención específica á mediación e á prevención do acoso. É o artigo no que se apoia calquera programa de mediación.

  • Artigo 151.h

    Encoméndalle á inspección educativa impulsar os procesos de mediación e participar neles cando sexa necesario. Amplía a súa función respecto das leis anteriores.

A Lei Orgánica 8/2021, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia, reforza ese marco: obriga a establecer protocolos de actuación fronte á violencia e a fomentar métodos pacíficos de comunicación e negociación, nos seus artigos 30 e 31, e crea a figura do coordinador ou coordinadora de benestar e protección.

Mediación escolar en Galicia

A normativa autonómica concreta bastante máis ca a estatal, e é a que se aplica nun centro galego.

A Lei 4/2011, de convivencia e participación da comunidade educativa, desenvolvida polo Decreto 8/2015, impón dúas obrigas que afectan directamente ao plan de convivencia.

  • Artigo 11.2

    O plan de convivencia debe establecer as actuacións «incluíndo a mediación na xestión dos conflitos».

  • Artigo 26.3

    O plan «incluirá as directrices para a creación dos equipos de mediación».

  • Artigo 26.2

    Os centros «poderán utilizar a mediación» como estratexia preventiva, resolutiva e reparadora. Recollela no documento é obrigatorio; utilizala, potestativo.

  • Artigo 26.4

    Nos supostos menos graves de situación de acoso, «favorecerase a mediación realizada por alumnado do centro educativo que obtivese formación e cualificación para a intervención nestas situacións».

  • Artigo 6.4.e

    Encoméndalle á comisión de convivencia propoñerlle á dirección quen pode formar parte do equipo de mediación.

A nota sobre estas obrigasMediación escolar

Mediación familiar en Galicia

A mediación familiar ten en Galicia unha regulación propia, anterior á lei estatal e distinta dela: a Lei 4/2001, desenvolvida polo Decreto 159/2003.

O seu obxecto é acoutado. O artigo 1 defínea como método de procurar a solución dos conflitos que poidan xurdir «en supostos de ruptura matrimonial ou de parella», e o artigo 4 sitúa a iniciativa nos cónxuxes ou en quen formase unha unión estable de parella que entre en crise. Fóra da ruptura de parella —unha herdanza entre irmáns, o reparto do coidado dun maior— a lei autonómica non entra.

Dentro dese obxecto, o artigo 6 admite todas as cuestións «derivadas das relacións persoais ou paterno-materno-filiais, das que poidan facer disposición as partes», que é o mesmo límite de sempre: o que as persoas implicadas poden decidir por si mesmas.

  • Artigo 5

    «En cada actuación de mediación intervirá unha persoa que estea inscrita no Rexistro de mediadores.» Ata onde alcanza esa esixencia é materia discutida: a lei articula un servizo con tarifas fixadas por orde e gratuíto para quen reúna os requisitos da asistencia xurídica gratuíta, e hai quen entende que o rexistro opera dentro dese servizo e non sobre a mediación privada, que se rexe pola lei estatal. A norma non o aclara.

  • Artigo 8

    Enumera os principios: voluntariedade e rogación, antiformalismo, flexibilidade e inmediatez, confidencialidade e segredo, imparcialidade e neutralidade, e respecto ao interese superior dos fillos e fillas menores de idade.

  • Artigo 9

    O servizo é gratuíto para quen reúna, ou poida reunir, as condicións de beneficiario do dereito de asistencia xurídica gratuíta. Para o resto, as tarifas están fixadas por orde da consellería competente.

O Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia regúlao o Decreto 159/2003. Para inscribirse pide, no seu artigo 3, unha titulación en dereito, psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, traballo social ou educación social; ter desenvolvido, durante os dous anos inmediatamente anteriores, actividade profesional no campo psico-socio-familiar; e estar en posesión das licenzas ou autorizacións para exercer a profesión, coa colexiación que corresponda. Acredítase ademais formación específica en mediación e un seguro de responsabilidade civil. A inscrición vale dous anos e prorrógase de forma tácita.

O que queda fóra

O artigo 2 da Lei 5/2012 exclúe do seu ámbito a mediación penal, a mediación coas administracións públicas, a mediación laboral e a mediación en materia de consumo. Cada unha ten as súas propias canles.

Hai ademais unha prohibición expresa: o artigo 87 ter da Lei Orgánica do Poder Xudicial veda a mediación nos asuntos competencia dos xulgados de violencia sobre a muller. A razón é a mesma que fai inviable mediar nun caso de acoso escolar: o procedemento esixe que as dúas persoas negocien en igualdade.

E non se media sobre materias indispoñibles, é dicir, sobre aquilo que as persoas implicadas non poden decidir libremente por si mesmas.

O que a norma non concreta

A lei esixe máis do que concreta, sobre todo no ámbito escolar.

A LOMLOE non di como ten que ser un programa de mediación. Non establece un modelo, non fixa horas de formación, non determina quen debe mediar nin con que instrumentos hai que avaliar os resultados. Obriga a prestar atención específica á mediación e deixa a forma en mans de cada centro e de cada comunidade autónoma.

O Decreto 8/2015 vai máis lonxe e dá por suposto que existe alumnado formado e cualificado para intervir, pero non di quen o forma, con cantas horas nin con que criterio se lle considera cualificado.

Por iso as prácticas varían moito entre centros, e hai plans de convivencia que cumpren o artigo con tres liñas e ningún procedemento detrás.

Que di a investigación dispoñible

Sobre esta páxina

É unha explicación divulgativa de normas en vigor, non un informe xurídico nin asesoramento para un caso concreto. Para iso está o avogado de cada persoa.

Se detecta un erro ou unha referencia desactualizada, agradécese o aviso: esta páxina corríxese.

Contactar