As regras do procedemento
- Voluntariedade
Ninguén está obrigado a participar nin a permanecer. Calquera das persoas pode retirarse en calquera momento e non ten que xustificalo.
- Confidencialidade
O que se di nas sesións non sae de alí, e non se pode utilizar despois nun xuízo. O mediador tampouco pode declarar sobre iso, agás nos dous casos que prevé a lei: que ambas as persoas o liberen por escrito, ou que o ordene un xuíz penal.
- Imparcialidade
O mediador non está da parte de ninguén nin lle dá a razón a ninguén. Se nalgún momento non puidese manter esa posición, comunicaríao e apartaríase.
- Igualdade entre quen participa
As dúas teñen o mesmo tempo, a mesma información e as mesmas oportunidades de falar. Se unha das dúas non está en condicións de negociar en igualdade, o asunto non é mediable.
As fases
- 01
Contacto
Escribe unha das persoas implicadas, ou as dúas. Valórase se o asunto é mediable e, se o é, contáctase coa outra para preguntarlle se quere participar.
- 02
Sesión inicial
Explícase en que consiste o procedemento, que se pode esperar del e que compromisos asume cada persoa. Ao rematar, cada quen decide se segue adiante.
- 03
Sesións de mediación
Cada persoa expón a súa versión e o que lle preocupa. O traballo do mediador é ordenar a conversa, separar as posicións de partida do que cada persoa necesita e axudar a propoñer saídas. Cando convén, fálase por separado con cada persoa antes de reunilas.
- 04
Acordo
Se se chega a un acordo, redáctase por escrito co que cada persoa se compromete a facer, en que prazo e de que forma. Asínano quen participou e o mediador levanta a acta final.
- 05
Peche sen acordo
Se non se chega a un acordo, ou se algunha das persoas decide deixalo, péchase o procedemento e faise constar. Ninguén perde ningún dereito por intentalo: a solicitude de mediación interrompe a prescrición e suspende a caducidade das accións.
O número de sesións depende do caso e do que as persoas queiran abordar. Non hai unha cifra fixa nin se compromete de antemán.
Que valor ten o acordo
O acordo obriga a quen o asina. Se ademais se quere que se poida executar como unha sentenza, hai dous camiños: elevalo a escritura pública ante notario, ou pedir a súa homologación ao xulgado cando a mediación se desenvolveu dentro dun procedemento xudicial xa aberto.
Cando o acordo afecta a fillos e fillas menores de idade, necesita ademais a aprobación xudicial. Nese caso, o acordo alcanzado en mediación é o punto de partida do convenio que se presenta no xulgado.
Mediación en liña
Agás o traballo con centros educativos, que é presencial, a mediación desenvólvese por videochamada. Escolleuse así porque permite atender desde calquera punto de España, encaixa mellor cos horarios das familias e evita que as dúas persoas teñan que coincidir nunha sala de espera.
Para conectarse non fai falta instalar nada nin crear ningunha conta. Chega unha ligazón por correo e éntrase desde o navegador, no ordenador ou no móbil. Convén probalo uns minutos antes da primeira sesión.
- As sesións non se gravan
Nin o vídeo nin o audio. Ningunha plataforma pode impedir que alguén grave pola súa conta, así que o compromiso de non facelo asúmeno por escrito ambas as persoas ao asinar a acta da sesión constitutiva.
- Sesións privadas en salas separadas
Cando convén falar cunha persoa a soas, pásase a unha sala independente dentro da mesma reunión. O que se trate alí non se traslada á outra sen autorización, e procúrase dedicarlle a cada unha un tempo parecido.
- A identidade compróbase na primeira sesión
Cada persoa amosa o seu documento de identidade ante a cámara, e así se fai constar na acta. Esa comprobación respalda as sinaturas posteriores.
- As actas e o acordo asínanse
Cada persoa recibe o documento, asínao e devólveo. O mediador asina despois o conxunto con certificado dixital, que a normativa europea equipara á sinatura manuscrita, e remítelle copia a cada quen.
Que datos se manexan en todo isto, quen máis accede a eles e canto tempo se gardan está detallado na política de privacidade.
O que a mediación non é
Non é un xuízo: non hai probas, non hai sentenza e o mediador non decide quen ten razón.
Non é terapia nin orientación psicolóxica. Fálase de emocións porque están aí, pero o obxectivo é chegar a acordos concretos.
Non é asesoramento xurídico. O mediador non representa ningunha das persoas nin lles indica o que lles convén asinar, e poden consultar co seu avogado en calquera momento do proceso.
Quen conduce o procedemento
A lei pónlle tres condicións a quen queira exercer de mediador: estar no pleno exercicio dos seus dereitos civís, contar cun título oficial universitario ou de formación profesional superior e ter cursado unha formación específica en mediación. Ademais, está obrigado a subscribir un seguro de responsabilidade civil que cubra a súa actividade.
Non esixe unha titulación concreta: á mediación chégase desde o dereito, a psicoloxía, o traballo social ou a educación.
Seguinte paso
Se ten dúbidas sobre o procedemento, pode consultar as preguntas frecuentes ou escribir.