Ir ao contido
Mediación
ES

Que di a investigación sobre a mediación escolar en Primaria

Por Marcos Núñez Pérez · · 4 min de lectura

O 24 de outubro de 2026 presentouse en liña, no XI Congreso Iberoamericano de Justicia Terapéutica e II Congreso Iberoamericano de Justicia Restaurativa, a comunicación «La mediación escolar en Educación Primaria en España: una revisión sistemática». Asínana Marcos Núñez Pérez, Raquel Vázquez Pérez, Ana M. Rodríguez González e Katia Rolán, e parte do traballo de fin de mestrado que Marcos defendeu na Universidade de Vigo baixo a dirección de Raquel Vázquez Pérez.

A pregunta

A revisión quería saber que efecto teñen os programas de mediación escolar sobre o alumnado de Educación Primaria en España. Limitouse a estudos empíricos publicados entre 2020 e 2026, os anos da LOMLOE, que incorporou a mediación ao plan de convivencia obrigatorio de todos os centros.

Como se buscou

A procura fíxose en maio de 2026 en seis bases de datos: Dialnet Plus, TESEO, PERSEO, Web of Science, Scopus e ERIC. En todas usouse a mesma cadea de termos, en castelán, galego e inglés, e o proceso seguiu o protocolo PRISMA 2020.

Apareceron 52 rexistros. Quitados os 3 duplicados, quedaron 49. A lectura de títulos e resumos descartou 41, a maioría porque trataban de Secundaria, doutro país ou de algo que non era mediación de conflitos. Dos 8 textos que se leron completos, só 2 cumprían todos os criterios.

Os dous estudos

  • Fuertes, Vieira e Ferreira (2022). Un servizo de mediación entre iguais nun centro público da Comunidade de Madrid, con 118 estudantes de 5.º e 6.º. Mediuse antes e despois do programa, sen grupo de control.
  • Cebolla-Baldoví (2023). Unha tese de doutoramento cun programa integrado en Educación Física e en Valores Sociais e Cívicos, aplicado durante tres cursos en dous centros públicos de Cullera, con 149 estudantes de 4.º a 6.º e grupo de control.

Que atoparon

No centro de Madrid, a violencia percibida baixou de forma significativa en seis das sete escalas do cuestionario CUVE³-EP. Só se mantivo a violencia física indirecta, a que se dirixe contra as pertenzas. Os cambios maiores déronse na violencia verbal entre o alumnado, na violencia do profesorado cara ao alumnado e na exclusión social. O alumnado mediador atendeu 101 casos, resolveu a maioría mediante o diálogo e só en 3 pediu a intervención dunha persoa adulta.

En Cullera, o grupo que seguiu o programa aumentou os estilos colaborativos para afrontar un conflito e reduciu os de evitación e os de confrontación, en comparación co grupo de control. Tamén mellorou en empatía e en tolerancia ao estrés.

Os dous estudos describen melloras en competencias socioemocionais, tanto en quen media como no resto do grupo.

Con que cautela lelo

Dous estudos son pouca base. Tampouco ofrecen a mesma seguridade: o de Cullera ten grupo de control e o de Madrid non, así que no segundo custa máis atribuír os cambios ao programa e non a outras causas. Un terceiro estudo, de 2026, non se puido revisar porque o seu texto completo non estaba dispoñible.

O que falta

Para a revisión, o resultado máis importante é a escaseza. A normativa leva máis de dúas décadas promovendo a mediación escolar e a LOMLOE incorporouna ao plan de convivencia obrigatorio, pero en seis anos só se publicaron en España dous estudos empíricos sobre Primaria. Ningún se fixo en Galicia.

Os dous sinalan o mesmo obstáculo, a falta de coordinación do profesorado, e ningún o estuda de forma directa. É unha das razóns polas que os programas de convivencia se interrompen ao cabo dun ou dous cursos.

Que pode sacar un centro

  • O patio. Os dous estudos sitúan aí a maior parte dos conflitos. Os datos están noutra nota.
  • Dous modelos. Un servizo de mediación entre iguais é máis visible, pero depende de que o profesorado derive os casos. Integrar a xestión do conflito nas áreas depende menos de persoas concretas, pero esixe máis coordinación entre elas.
  • O claustro. É o factor que máis pesa nos dous estudos. Un programa que depende de dous docentes interrómpese cando cambian de destino.
  • A exclusión social. No centro de Madrid, con moito alumnado de orixe estranxeira, foi unha das condutas que máis se reduciu.

O que a lei lles esixe aos centros está en a mediación na lei, e as dúbidas habituais, en preguntas frecuentes. A tese de doutoramento que continúa esta liña descríbese en investigación.

Todas as notas